Friday 17 de May de 2024

A Xunta apoia un proxecto industrial estratéxico para o lácteo galego con capacidade para transformar máis de 400.000 toneladas de leite da nosa comunidade cada ano


O presidente da Xunta reuniuse hoxe con responsables da compañía para coñecer os detalles da súa implantación en Galicia

A sociedade Goodleit S.L. instalarase proximamente en Galicia cunha planta que terá capacidade para procesar ata o 17% do leite que se produce anualmente na nosa Comunidade. Este proxecto industrial, dedicado á separación e secado dos diferentes compoñentes do leite, suporá un investimento de preto de 70 millóns de euros e a creación duns 130 postos de traballo.

Esta nova industria de transformación localizarase no concello de Curtis (A Coruña), nunha parcela de 80.000 metros cadrados situada no polígono industrial deste municipio, e converterase así nunha das maiores empresas lácteas de Galicia, e cunha dimensión que a situará como referencia dentro do sector en Europa. Os responsables desta iniciativa empresarial presentaron hoxe todos estes detalles ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que estivo acompañado na reunión de traballo polos conselleiros de Medio Rural, Ángeles Vázquez, y de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde.

A empresa procesará cando estea en pleno rendemento máis de 400.000 toneladas de leite ao ano como materia prima, o que representa arredor do 17% da produción total galega, que rolda os 2,5 millóns de toneladas. Tal e como transmitiu, destinará a maior parte do leite procesado á exportación, especialmente a mercados de África e Asia, para o cal xa ten establecidos os contactos necesarios coa distribución, co fin de dar saída á súa produción. Tamén comprometeu o investimento necesario para o arranque do proxecto e o inicio das obras da nova planta está previsto para este ano.

Dimensión
O Goberno galego destaca a importancia desta industria, tanto pola súa gran dimensión -polo que suporá en relación á recollida do leite de centos de gandeiros de toda Galicia- como pola súa decidida aposta pola aplicación da I+D+i no procesamento e posta en valor do produto.

Toda vez que o proxecto responde os obxectivos estratéxicos marcados para garantir un futuro máis sólido ao sector lácteo, a Xunta apoiou desde o primeiro momento a implantación deste proxecto de industrialización e transformación en Galicia, facilitando asesoramento e a necesaria dotación de solo e infraestruturas para a súa posta en marcha, así como poñendo a disposición as distintas vías de financiamento existentes para a instalación deste tipo de proxectos en Galicia.

Alto valor engadido
A planta de Curtis desta empresa centrará a súa actividade na elaboración de ingredientes funcionais e nutricionais de alto valor engadido dedicados á industria nutricional clínica, dietética, deportiva e infantil, así como á industria agroalimentaria en xeral, partindo do leite como materia prima fundamental.

Así, dedicarase ao procesado do leite mediante tecnoloxías de última xeración (semellantes ás utilizadas na industria farmacéutica) para obter proteínas esenciais na elaboración do leite infantil, alimentación deportiva e clínica ou incluso como ingrediente funcional, como emulsificante, potenciador do sabor e da textura, e que ademais poderían soportar altas temperaturas.

Ademais, mediante un proceso de hidrólise das proteínas obtidas, engadiránselle novas funcionalidades, ao perder o seu potencial de alérxeno, co que terán un amplo rango de usos nutricionais (en persoas de avanzada idade, leite infantil para nenos alérxicos e alimentación deportiva e clínica).

A empresa decidiu instalarse en Galicia pola posición de liderado da nosa Comunidade dentro do sector lácteo español, e tamén pola súa localización estratéxica, favorable á exportación cara ao mercado internacional.